O polbo das rías galegas

Polbo das Rías é a primeira marca colectiva de polbo procedente da pesca artesanal que garante a súa orixe desde a súa pesca. Detrás de Polbo das Rías atópase un nutrido número de embarcacións de pesca artesanal, dedicadas á extracción de polbo nas ricas Rías Baixas galegas, que traballaron durante os últimos anos na procura de alternativas que permitan diferenciar e garantir a calidade ao consumidor do polbo que capturan.

A Marca Colectiva Polbo das Rías garante:

  1. Un control da calidade do polbo desde a súa captura (control en laboratorio dos parámetros de hixiene).
  2. Orixe do polbo capturado nas augas das Rías Baixas galegas.
  3. Procedencia da flota artesanal galega.
  4. Identificación individual de cada polbo: trazabilidade individual.
  5. Procedencia exclusivamente de pesca extractiva.

Polbo das Rías é ademais unha ferramenta para mellorar a explotación e xestión de polbo procedente da pesca artesanal, e con iso manter esta actividade, aos pescadores e ás súas familias, garantindo o relevo xeracional na pesca artesanal, un patrimonio cultural en Galicia.

Esixir a garantía de orixe e trazabilidade é consumir responsablemente. Esixir a etiqueta do teu polbo é garantía de calidade.

O Polbo

O polbo ofrece un sen fin de preparacións culinarias. Ademais do afamado polbo á feira, este pode prepararse asado, á brasa, en vinagreta, á Mugardesa, da Illa de Ons, con ameixas, á cazola, ao perexil, … É unha rica fonte de proteínas, baixo en hidratos de carbono e practicamente sen graxas. A súa preparación é sinxela, sendo un marisco alcanzable en prezo e agradecido no seu sabor. O polbo galego aliméntase doutros mariscos (crustáceos como a nécora, ou moluscos bivalvos como as ameixas) e peixes, o que lle confire un sabor exquisito.