O polbo das rías galegasPolbo das Rías é a primeira marca colectiva de polbo procedente da pesca artesanal que garante a súa orixe desde a súa pesca. Detrás de Polbo das Rías atópase un nutrido número de embarcacións de pesca artesanal, dedicadas á extracción de polbo nas ricas Rías Baixas galegas, que traballaron durante os últimos anos na procura de alternativas que permitan diferenciar e garantir a calidade ao consumidor do polbo que capturan. A Marca Colectiva Polbo das Rías garante: |
- Un control da calidade do polbo desde a súa captura (control en laboratorio dos parámetros de hixiene).
- Orixe do polbo capturado nas augas das Rías Baixas galegas.
- Procedencia da flota artesanal galega.
- Identificación individual de cada polbo: trazabilidade individual.
- Procedencia exclusivamente de pesca extractiva.
Polbo das Rías é ademais unha ferramenta para mellorar a explotación e xestión de polbo procedente da pesca artesanal, e con iso manter esta actividade, aos pescadores e ás súas familias, garantindo o relevo xeracional na pesca artesanal, un patrimonio cultural en Galicia.
Esixir a garantía de orixe e trazabilidade é consumir responsablemente. Esixir a etiqueta do teu polbo é garantía de calidade.
O Polbo
O polbo ofrece un sen fin de preparacións culinarias. Ademais do afamado polbo á feira, este pode prepararse asado, á brasa, en vinagreta, á Mugardesa, da Illa de Ons, con ameixas, á cazola, ao perexil, … É unha rica fonte de proteínas, baixo en hidratos de carbono e practicamente sen graxas. A súa preparación é sinxela, sendo un marisco alcanzable en prezo e agradecido no seu sabor. O polbo galego aliméntase doutros mariscos (crustáceos como a nécora, ou moluscos bivalvos como as ameixas) e peixes, o que lle confire un sabor exquisito.





